Medio Rural
Inicio >> Convocatorias >> Contrato de Explotación Sustentábel

Contrato de Explotación Sustentábel

A Consellería do Medio Rural e do Mar é consciente, por unha parte, das múltiples funcións que desempeñan as explotacións agrarias e do feito de que unha parte importante destas funcións, ao tratarse de externalidades, non é remunerada a través dos mecanismos de mercado; e por outra parte, de que a actividade agraria constitúe a base da xestión dunha parte fundamental do territorio galego.

Tendo en conta estas circunstancias preténdese fomentar en todas as orientacións produtivas agrarias modelos sustentables desde o punto de vista ambiental e social, a través do contrato de explotación sustentable que, alén dunha liña de axudas específica, se configura como un instrumento que, desde unha perspectiva global da explotación, favoreza o desenvolvemento de sistemas de produción sustentables en termos económicos e ambientais, mellore a xestión do territorio rural, potencie a produción de alimentos sans e de calidade e contribúa a fixar poboación no rural.

Ademais, por medio do contrato de explotación sustentable preténdese tamén integrar nunha única convocatoria diversas medidas de desenvolvemento rural con carácter sustentable recollidas no Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, sobre a axuda ao desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O contrato de explotación está recollido no Marco Nacional de Desenvolvemento Rural como unha opción dentro dos programas de desenvolvemento rural e defínese como un mecanismo a través do cal se poden xestionar as medidas que se consideren axeitadas dos eixes 1 e 2 do Regulamento (CE) 1698/2005. Os agricultores que decidan acollerse a esta modalidade serán considerados prioritarios para a concesión de determinadas axudas de desenvolvemento rural.

A consideración das diversas funcións que desempeña a actividade agraria e a abordaxe da explotación agraria desde unha perspectiva global fan que o CES sexa unha ferramenta destinada a cumprir diversas funcións:

  • Mellora da renda das explotacións
  • Orientación cara sistemas produtivos viábeis economicamente
  • Aposta polos alimentos sans e de calidade
  • Apoio a unha agricultura respectuosa co medio ambiente
  • Mellora da xestión do territorio rural e da superficie forestal das explotacións colaborando na prevención dos incendios
  • Fixación de poboación no rural

Consulte a convocatoria na seguinte ligazón:

Fomento das producións agrarias sustentables a través do contrato de explotación sustentable (CES)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS