Medio Rural
Inicio >> FOGGA
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Fondo Galego de Garantía Agraria

Organismo: O organismo pagador dos Fondos Europeos Agrícolas en Galicia

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, e adscrito á Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. O Fogga é o organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia: Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (Feader).

O Fogga configúrase como unha entidade pública instrumental, en concreto un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, con personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e plena capacidade de obrar para o cumprimento do seus fins, ao tempo que dispón de tesouraría e patrimonio propios.

De especial relevancia en relación coa configuración e estrutura interna do Fondo Galego de Garantía Agraria resulta a súa consideración como organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia, en virtude do disposto no Decreto 155/2006, do 7 de setembro, polo que se establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrícolas en Galicia, e a Orde do 4 de outubro de 2007, pola que se autoriza o Fondo Galego de Garantía Agraria como organismo pagador dos ditos fondos en Galicia.

O Fogga, tal e como se dispón nos seus Estatutos aprobados mediante o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro,  axustará as súas actuacións aos principios de austeridade, transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, tendo como obxectivo permanente a mellora da calidade no seu ámbito de actuación.


Órganos de goberno e de dirección do FOGGA

Os órganos de goberno do Fogga son a Presidencia e o Consello Reitor. A Presidencia do Fogga, tal e como dispón no artigo 12 dos seus estatutos, corresponde á Conselleira do Medio Rural e do Mar.

O Consello Reitor do Fogga é o órgano colexiado de goberno e está integrado pola Presidenta do Organismo, o Vicepresidente (Secretario Xeral do Medio Rural e Montes),  a Directora do Fogga (Directora Xeral de Produción Agropecuaria) e cinco vogais. Os vogais serán designados entre:

a) Tres representantes da consellería competente en materia de medio rural, designados/as de entre persoas de recoñecido prestixio no sector lácteo-gandeiro e altos cargos ou funcionarios/as da Administración autonómica. Na actualidade son vogais do Fogga a Secretaria Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, o Director Xeral de Desenvolvemento Rural e o Subdirector Xeral de Xestión da PAC do Fogga.

b) Un/unha representante da consellería competente en materia de facenda, designada por proposta desta. Na actualidade a Subdirectora Xeral de Xestión do FSE e outros programas comunitarios.

c) Un/unha representante da consellería competente en materia de conservación da natureza, designada por proposta desta. Na actualidade a Directora Xeral de Conservación da Natureza.

A Directora do FOGGA é o órgano executivo e de xestión do organismo,   nomeada e separada por decreto do Consello da Xunta entre os que teñan a condición de titular dun órgano de dirección da consellería competente en materia de medio rural. Na actualidade a Directora do Fogga é a Directora Xeral de Produción Agropecuaria.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal    Le atendemos
RSS