Medio Rural
Inicio >> FOGGA >> SIXPAC
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Introdución SIXPAC

O Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) é unha base de datos oficial de referencia para a identificación de parcelas agrícolas, de utilización obrigatoria en España para realizar as solicitudes de axudas directas da PAC que requiran declarar superficies.

A finalidade principal desta páxina é facilitar a información do SIXPAC aos agricultores solicitantes deses réximes de axuda, para que indiquen a localización das superficies da explotación que poden ser obxecto de subvención, así como facilitarlles a presentación de solicitudes de cambio de datos relativos a usos do solo contidos no sistema.

O Regulamento (CEE) 3508/92, do 27 de novembro, do Consello, polo que se establecía un Sistema Integrado de Xestión e Control (SIXC) de determinados réximes de axudas comunitarios estableceu, mediante unha modificación do seu artigo 4 producida no ano 2000, que o sistema de identificación de parcelas agrícolas para a xestión de axudas directas da PAC debería elaborarse a partir de mapas, documentos catastrais ou doutras referencias cartográficas, e utilizando as técnicas dos sistemas informatizados de información xeográfica, incluída, de preferencia, unha cobertura de ortoimaxes aérea ou espacial. Esta obriga está recollida na actualidade no artigo 17 do Regulamento (CE) 73/2009 (pdf, 1.120 Kb), do Consello, do 19 de xaneiro de 2009.

En España, o Real Decreto 2128/2004 (pdf, 45 Kb) do 29 do outubro, polo que se regula o sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas, establece os criterios básicos que han de garantir o correcto funcionamento do SIXPAC, como ferramenta de obrigada utilización na xestión de axudas comunitarias, sendo a base identificativa de parcelas obxecto de calquera tipo de axuda baseada na superficie.

A Orde do 24 de xaneiro de 2005 (pdf, 167 Kb), da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural (na actualidade Consellería do Medio Rural), pola que se regulaban determinadas axudas directas da PAC nese ano, estableceu tamén no seu Capítulo II, dentro do marco do mencionado real decreto, as normas de aplicación do SIXPAC en Galicia. No seu artigo 12, indícase que "a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, a través do FOGGA, é a responsable da explotación e mantemento do SIXPAC en Galicia".

Ligazóns de interese:


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS