
En Galicia o sector primario ten unha indubidable condición estratéxica, tanto desde o punto de vista económico como social e mesmo cultural.
A produción de alimentos a partir do aproveitamento dos recursos do agro e do mar forma parte indisociable da propia esencia de Galicia. Non se pode concibir esta terra (tal como é hoxe en día e tal como foi, na súa evolución histórica) sen ter moi presente que falamos, sobre todo, dun país de labregos, gandeiros e mariñeiros.
De feito, a imaxe da nosa Comunidade identifícase inmediatamente con ese enorme potencial da súa terra e do seu mar.
En relación con este último, destaca a existencia de ecosistemas únicos no mundo, como son as rías, que atesouran valiosísimos recursos pesqueiros e marisqueiros.
Ao tempo, no interior, as específicas condicións dos solos, unidas a unha climatoloxía e unha orografía tamén peculiares, conforman unha contorna favorable para o desenvolvemento dunha cabana gandeira de extraordinaria calidade e permiten ademais contar con excelentes produtos da horta, así como con viños cunha personalidade propia e moi definida. A isto hai que sumar, dende logo, unha riqueza forestal que sitúa a Galicia á cabeza de España na materia.
Pero, indiscutiblemente, o principal valor do noso medio rural e do mar é o que representan as súas xentes. Persoas curtidas polas esixencias que impón o seu duro labor pero que conservan un humor e unha filosofía de vida que conforman un verdadeiro patrimonio inmaterial de incalculable valor.
Galicia pode presumir, en definitiva, dunha extraordinaria nómina de producións agrícolas, gandeiras, forestais, pesqueiras, marisqueiras e acuícolas, unha riqueza pola que os poderes públicos teñen a obriga de velar, ordenando, fomentando e promovendo o seu aproveitamento racional e sostible.
Niso está a Xunta de Galicia, que mantén con firmeza o seu compromiso co futuro do sector primario a través da Consellería do Medio Rural e do Mar, que integra as competencias relacionadas con todos estes eidos produtivos, favorecendo tanto o seu progreso económico e social coma o mantemento do seu persoal carácter e os seus vínculos coa tradición e a cultura.

Rosa Quintana
