
O sector pesqueiro -que engloba todas as actividades relacionadas coa pesca extractiva, o marisqueo e a acuicultura, así como a conserva e o conxelado- continúa sendo un dos primeiros axentes da economía galega. Segundo datos dos servizos estatísticos da Xunta, os sectores extractivo, acuícola e transformador empregan conxuntamente en Galicia a preto de 38.000 persoas, representando aproximadamente o 52% do emprego total pesqueiro en España e o 10% no conxunto da UE.
A cifra de negocio da pesca e a acuicultura galega alcanzou en 2008 uns 1.000 millóns de euros, cun 44% do valor xerado na pesca de altura, un 19% na pesca costeira, un 6% no marisqueo e un 31 % na acuicultura. A produción extractiva galega anual supón, en termos de valor, o 15% da Unión Europea, superando así a produción conxunta de Alemaña, Bélxica, Finlandia, Grecia e Suecia.
A dependencia social da actividade pesqueira é especialmente importante en varios concellos da costa galega. Así, o emprego pesqueiro representa o 30% da poboación ocupada nos concellos de Ribeira e Bueu e alcanza valores do 60% para a Illa de Arousa. En canto ao perfil medio do pescador galego é 10 dun home de entre 25 e 54 anos dedicado á pesca extractiva. Polo contrario, son as mulleres, nun número que supera as 4.000 as que forman o 90% do colectivo de mariscadores a pé.

