Medio Rural
  • Noticia
 


A Xunta amplía nun millón de euros as axudas para o emprego de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo

  • Con este incremento de crédito, a Consellería do Medio Rural e do Mar destina a este fin un total de 1,5 millóns de euros na convocatoria de 2012

Santiago, 06/05/2012

A Consellería do Medio Rural e do Mar aumenta nun millón de euros o importe das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia. O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a orde na que se especifica o importe que se amplía para a convocatoria de 2012, co obxectivo de incrementar o número de beneficiarios destas axudas ao se recibir unha gran demanda destas achegas. Con estes novos fondos, a Consellería do Medio Rural e do Mar destina a este fin un total de 1,5 millóns de euros na convocatoria de 2012.

A introdución das novas tecnoloxías no emprego de maquinaria agrícola e a modernización de equipamentos ten unha repercusión moi positiva na seguridade e nas vertentes técnica, económica e medioambiental das explotacións agrarias.

A través destas subvencións, a Consellería do Medio Rural e do Mar busca promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo; fomentar a construción e/ou adquisición asociativa de edificacións e instalacións relacionadas co proceso produtivo nas explotacións; incentivar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos; racionalizar os custos de mecanización; incrementar a seguridade no traballo e reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas as cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (Sat) que teñan como obxectivo social prioritario a adquisición e uso de maquinaria, así como as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola. Tamén poderán beneficiarse outras agrupacións, especialmente comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendente superior ao 15% e asociacións de faba e castaña.

A convocatoria está aberta ademais ao resto das cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestar servizos aos seus socios. As actividades que serán motivo de subvención céntranse na compra de maquinaria agrícola e na adquisición, construción ou mellora de equipamentos, tales como almacéns para maquinaria ou gastos xerais vinculados ao proxecto en honorarios profesionais.

 

Recursos



© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal    Le atendemos
RSS