Medio Rural
  • Noticia
 


Rosa Quintana asegura que a unión de forzas e sinerxías entre a construción naval e a pesca é unha necesidade en Galicia

  • A conselleira do Medio Rural e do Mar inaugurou as xornadas da asociación de enxeñeiros navais e oceánicos Escenario actual da pesca

Vigo, 23/05/2012

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, considera que a unión de forzas e sinerxias entre a construción naval e da pesca en Galicia “é máis que unha realidade, unha necesidade”. Díxoo no transcurso da inauguración das xornadas Escenario actual da pesca, organizadas pola asociación de enxeñeiros navais e oceánicos, que se celebrou hoxe na Feira Navalia de Vigo.

A conselleira subliñou a importancia de ambos sectores pola súa capacidade de xerar tecido económico na cadea mar-industria e na industria auxiliar e polo seu “saber facer” acumulado en Galicia que se xerou durante décadas en Galicia “e que serviu para que vexamos no mar o noso camiño e o noso futuro”.

A titular de Medio Rural e Mar felicitou aos organizadores pola selección dos temas a debater nestas xornadas, como o problema do financiamento “xa que dificulta a culminación e desenvolvemento de proxectos”, aínda que amosou confianza en que poderá superarse. A posibilidade de desenvolvemento dun segundo rexistro, que tamén se abordará neste encontro, é para a conselleira “unha ferramenta para engadir competitividade para a nosa flota en terceiros países nun mundo globalizado como é o da pesca”.

Nestas xornadas debateranse a reforma da Política Pesqueira Común e as claves do futuro inmediato da pesca galega así como a definición do novo Fondo Europeo Marítimo e Pesqueiro, un bo exemplo, tal e como dixo a conselleira “ do que supón e pode supoñer a pesca e a construción como partes fundamentais da definición do futuro en torno ao mar europeo”.

Por último, Quintana lembrou que a Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos, Navalia e a Xunta comparten o mesmo obxectivo e traballan na mesma liña, “a de saír adiante de inmediato e de consolidar a capacidade pesqueira e naval de Galicia”.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal
RSS