A Consellería do Medio Rural e do Mar consensuará o máximo posible do sector o futuro Decreto de comercialización, que contará “coa participación do sector e coas súas emendas”. Así o dixo a propia conselleira, Rosa Quintana, hoxe no Parlamento, onde reiterou que o avance na comercialización e na competitividade do sector é unha das prioridades do seu departamento.
O borrador da normativa foi remitido no mes de abril a un total de 116 organizacións, asociacións sectoriais e entidades representativas ou con competencias no eido comercializador “porque entendemos que se trata dunha ferramenta para o futuro do sector, e que a súa participación é a mellor fórmula de aplicabilidade e de éxito para esta norma”, dixo.
A titular de Medio Rural e do Mar explicou que, ata o de agora, recibíronse 14 achegas, que se analizarán para estudar o seu encaixe legal e administrativo. Ademais, a Consellería manterá diversas reunións por subsectores “para coñecer as súas inquedanzas e as súas propostas”.
Cabe destacar que a Consellería xa deseñou as liñas principais do borrador en base ás conclusións do sector e da Administración no Encontro Profesional Pesqueiro, celebrado en maio de 2010.
Liñas xerais do Decreto de comercialización
Tal e como explicou a conselleira, o futuro decreto axuntará nunha única normativa as regras autonómicas que existían, co obxecto de simplificar os procedementos que teñen que adoitar os pescadores para cumprir coas esixencias de trazabilidade e adaptalo á normativa estatal e europea.
Ademais, no documento incorporaranse todas as novas tecnoloxías no proceso de documentación para mellorar a trazabilidade, con medidas como a dixitalización dos documentos que acreditan a mercadoría, que se poderán facer por vía telemática.
A conselleira apuntou que documento integrará a normativa do proceso comercializador, é dicir, regulará a descarga, a trazabilidade e o etiquetado. Así, establecerá os requisitos que deben cumprir todos os lugares de descarga e fai unha exhaustiva compilación da estrutura comercial dos produtos do mar, acorde coa orientación da nova regulamentación europea da Organización Común de Mercados dos produtos da pesca e da acuicultura.
Lei de Mobilidade de Terras
Preguntada pola aplicación da Lei de Mobilidade de Terras, Rosa Quintana manifestou que o “Goberno da Xunta fai una valoración moi positiva cos primeiros pasos que se están a dar na aplicación desta Lei”, percepción que se deriva polo número de solicitudes ao Banco de Terras que, en tan só dous meses, duplicaron as existentes anteriormente ao longo de todo un ano. “A xente confía neste modelo”, engadiu, e mostra disto son as máis de 650 peticións que se xestionaron dende o 1 de marzo ao 30 de abril, fronte ás 341 en 2010 e 318 en 2011.
Rosa Quintana sinalou que a eliminación de medidas tan intervencionistas como os dereitos de tenteo e retracto “están a permitir que os propietarios de parcelas con vocación agraria xeren un maior dinamismo na compra e venda da terra e na disposición da mesma para usos produtivos”.
No relativo á incorporación de terras de propietarios descoñecidas ao Banco de Terras, a conselleira do Medio Rural e do Mar referiuse a que, trala entrada do novo Goberno, desbloqueouse a negociación dende Madrid para consensuar un borrador de convenio sobre o cal se están perfilando os últimos aspectos. Rosa Quintana espera poder incorporar ao Banco de Terras, de xeito progresivo, as máis de 5.600 hectáreas de terra ociosa.

