A Consellería do Medio Rural e do Mar impulsa a mellora da comercialización do rapante do Gran Sol nos portos de Vigo e Marín ao estender a vixencia das normas que regulan este aspecto entre os produtores que non son membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo. Estas medidas son as adoptadas pola OPP para a mellora da comercialización do rapante e o departamento que dirixe Rosa Quintana procede a prolongalas entre os que non pertencen á OPP, atendendo a unha propia demanda da organización. Faino a través da orde que sae hoxe publicada no Diario Oficial de Galicia.
Esta extensión é dun ano e a Consellería do Medio Rural e do Mar procede a esta ampliación logo de comprobar que as normas responden aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción. Así, o que establece a orde é que os desembarcos de rapante que realice a frota de arrastre do Gran Sol nos portos de Vigo e Marín non poderán ser de tamaño inferior a 25 centímetros.
As infraccións á presente orde serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente e na súa elaboración foron consultados os sectores afectados. A través de medidas deste tipo preténdese impulsar o comercio responsable e a calidade dos produtos, neste caso do rapante do Gran Sol, ampliando o control da primeira venda.
A OPP do Porto de Vigo ten como ámbito a provincia de Pontevedra, nela inclúense os barcos que en distintas modalidades de pesca dedican as súas actividades a capturas de peixe fresco. As principais especies de captura da frota desta organización son, a demais do rapante, a pescada, o rape, a palometa, o peixe espada, a sardiña e a cabala

