Medio Rural
  • Noticia
 


Medio Rural e Mar destina máis de 120.000 euros a axudas para a recuperación do cultivo tradicional de lúpulo en Galicia

  • O obxectivo é apoiar o establecemento de novas plantacións, a reconversión e mellora das existentes e a adquisición de maquinaria específica para a mecanización do cultivo

Santiago, 16/07/2012

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establecen as axudas destinadas ao sector do lúpulo e se convocan para o ano 2012. O obxectivo destas subvencións é apoiar o establecemento de novas plantacións de lúpulo, a reconversión e mellora das xa existentes e a adquisición de maquinaria específica para a mecanización do cultivo.

Con esta convocatoria preténdese asegurar o futuro do sector do lúpulo, fortemente condicionado polas necesidades da industria cervexeira, e deter a tendencia ao abandono deste cultivo. A finalidade é conseguir un axuste estrutural do sistema produtivo actual que garanta a súa permanencia no tempo e a súa rendibilidade e viabilidade a longo prazo.

Rexurdimento
No caso concreto de Galicia, constátase que esta produción, que no pasado tivo importancia en determinadas áreas da provincia da Coruña, está comezando a rexurdir co apoio da industria cervexeira galega e dos centros de investigación da Consellería do Medio Rural e do Mar. Cómpre, pois, darlle pulo á mesma, de xeito que se cree un núcleo estable de produtores que faga máis rendible a actividade, empregando na medida do posible infraestruturas e maquinaria comúns.

Na Orde publicada hoxe concrétanse os beneficiarios, requisitos e contías para cada unha das tres liñas de axuda: novas plantacións, reconversión e mellora de plantacións existentes e adquisición de maquinaria. Nos tres casos, a contía da axuda será do 40 por cento do investimento subvencionable. O orzamento total previsto para estas axudas é de 120.558,27 euros, sen prexuízo de poder utilizar outros remanentes dispoñibles e da ampliación orzamentaria da orde.

En todos os casos, o prazo de presentación de solicitudes será de un mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta norma no DOG.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal
RSS