A Consellería do Medio Rural e do Mar informa do control dun incendio forestal rexistrado no municipio ourensán de Rubiá, na parroquia do Porto.
O lume localizouse preto do Parque da Serra da Enciña da Lastra, pero non chegou a afectar este espazo natural. Iniciouse onte martes ás 16:43 horas e quedou controlado ás 00:53 horas desta madrugada. Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada sitúase en torno ás 125 hectáreas.
Nos traballos de control deste incendio participaron 6 axentes forestais, 15 brigadas, 10 motobombas, 1 pala, 6 helicópteros e 5 avións.
Conato
Por outra banda cómpre sinalar que, coincidindo co anterior, produciuse outro incendio (un conato, xa que afectou a menos de unha hectárea) dentro do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, na mesma parroquia do Porto do municipio de Rubiá. Este lume iniciouse ás 21:16 horas e quedou extinguido ás 00:54 horas, sendo a estimación da superficie afectada de 0,01 hectáreas (100 m2). Na súa extinción traballaron 1 axente forestal e 2 brigadas.

