Medio Rural
  • Noticia
 


Medio Rural e Mar convoca axudas para actividades de promoción de produtos agroalimentarios con calidade diferenciada

  • Con estas axudas, que hoxe publica o DOG, financiaranse accións de información e promoción para animar ao consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos
  • O orzamento previsto para a anualidade 2012 achégase aos 2 millóns de euros, estando previstos 600.000 máis para o 2013

Santiago, 24/02/2012

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establecen as bases reguladoras das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural para Galicia 2007-2013, e se convocan para o 2012. Estes axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

A súa finalidade é financiar accións de información e promoción dirixidas a animar ao consumidor a adquirir produtos incluídos no marco de programas de calidade diferenciada dos alimentos. As bases desta convocatoria difiren en aspectos puntuais das que rexeron na convocatoria de 2011. A novidade principal é que se establece a posibilidade de cubrir gastos ata o 31 de xaneiro de 2013, é dicir, pasa a ser unha Orde plurianual.

Con isto trátase de atender a demanda do sector, que necesita que a Orde poida cubrir as accións que se realizan na parte final de cada ano, principalmente na campaña do Nadal, polo que tamén son subvencionables gastos correspondentes a accións iniciadas en 2012 e que finalicen durante o mes de xaneiro de 2013.

Beneficiarios
Os posibles beneficiarios son as agrupacións de produtores agroalimentarios que participan en programas de calidade diferenciada, entendendo por tales as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas, as especialidades tradicionais garantidas e a produción ecolóxica. Teñen a condición de agrupacións de produtores tanto os consellos reguladores dos distintos produtos con distintivo de calidade como as asociación sen ánimo de lucro que participen en ditos programas de calidade diferenciada.

Serán gastos subvencionables aqueles realizados en actividades de promoción, como campañas publicitarias en medios de comunicación; feiras; exposicións; outras accións de divulgación e estudos, xa sexan de mercado, relacionados coas campañas de promoción ou de avaliación de impacto destas sobre os consumidores. As axudas poderán chegar ata o 70% do gasto.

O orzamento previsto polo departamento que dirixe Rosa Quintana para a anualidade 2012 é de 1.910.488 euros, sendo para o 2013 de 600.000 euros.
 


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal
RSS