Medio Rural
  • Noticia
 


Tres operativos conxuntos dan como resultado o comiso de máis de 2 toneladas de marisco e da incautación de 4 vehículos e unha embarcación

  • Efectivos de Gardacostas e da Policía Autonómica requisaron 1,7 toneladas de ameixa e berberecho procedente de Portugal por falla de documentación e por non acadar a talla comercial
  • En Arousa os axentes sorprenderon a tres persoas con 328 quilos de vieira ilegal

Santiago, 12/05/2012

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, realizaron nos dous últimos días tres operativos conxuntos en Pontevedra e en Arousa –dous coa Policía Autonómica e un coa Garda Civil de Boiro- que se saldaron co comiso de 2.080, 5 quilos de vieira, ameixa e berberecho e a incautación de catro vehículos e unha embarcación. En Pontevedra, os Gardacostas incautáronse de dous vehículos procedentes de Portugal logo de comprobar que a mercadoría – 850 quilos de ameixa xapónica e 150 de babosa- carecía da preceptiva documentación e que algunhas especies non tiñan a talla regulamentaria. Os axentes levantaron dúas actas de infracción aos condutores e procederon á destrución das especies.

En Arousa, os inspectores requisaron un vehículo tamén procedente de Portugal e o material que transportaba, 80 quilos de berberecho, 44 quilos de ameixa fina, 500 quilos de cría de ameixa babosa e 128 quilos de ameixa babosa. Neste operativo colaboraron a Policía Autonómica e a Policía Local de Vilagarcía. Os axentes levantaron unha acta de presunta infracción por falla de documentación e porque as especies non acadaban a talla comercial. Todas as especies foron destruídas.

Onte pola tarde, na zona de Abanqueiro, inspectores de Gardacostas e da Garda Civil de Boiro sorprenderon a tres persoas con 328 quilos de vieira ilegal. En total, comisaron 1.267 unidades de vieira que se atopaban no interior dun vehículo, un Renault Kangoo, polo que tamén foi requisado, así como unha embarcación tipo planadora, tras comprobar que estivo implicada na extracción da vieira, que na actualidade está pechada nesa zona por toxina.

Os gardacostas tomaron mostras para ser analizadas no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Se a raíz desas analíticas compróbase que a vieira comisada está afectada por toxina, os tres identificados poden ser acusados dun delicto contra a saúde pública. O resto do material foi devolto ao mar.

A Consellería do Medio Rural e do Mar fai de novo un chamamento á cidadanía para que no adquira peixe e marisco fóra de los cauces legais, xa que só o produto que se extrae e comercializa segundo o establecido legalmente é óptimo para o consumo


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos los derechos reservados. Aviso Legal
RSS