Medio Rural
Inicio >> FOGGA >> Política Agraria Común >> Axudas directas

Axudas directas

Axudas directas ás explotacións

As axudas directas ás explotacións agrícolas son subvencións que os agricultores perciben directamente por obter determinadas producións, agrícolas e gandeiras, ou ben por manter as superficies das terras da explotación en boas condicións agrarias e medioambientais. Débense distinguir doutro tipo de medidas de apoio aos prezos e mercados que son de estímulo indirecto á produción, como é a intervención dos mercados.

A reforma da Política Agraria Común (PAC) aprobada no 2003, que se aplica en España na súa totalidade dende o ano 2006, supuxo un cambio radical das axudas directas, pois inclúe como elemento fundamental o Réxime de Pagamento Único por explotación, baseado nas axudas recibidas polos agricultores nos anos 2000, 2001 e 2002, e que non depende da actividade produtiva concreta que desenvolvan na actualidade. A nova PAC garante as axudas directas ás explotacións ata o ano 2013, facendo delas un compoñente importante na súa renda.

A reforma suprimiu determinadas axudas como a prima especial a produtores de gando vacún, a prima por extensificación e a prima láctea, que se integran totalmente no Réxime de Pagamento Único (RPU) desligado da produción.

Porén, para a percepción de determinadas axudas na súa totalidade, como as relativas vacas nutrices ou prima por sacrificio de vacún, en Galiza é necesario manter a actividade produtiva correspondente, contribuíndo así a evitar o abandono deste tipo de producións ao estar ligada a axuda á actividade correspondente.

Por outra banda, introducíronse axudas novas para a mellora da calidade das producións ou para a conservación e mellora do medio ambiente, como o pagamento adicional do sector lácteo, o pagamento a produtores de vacún de calidade ou o pagamento adicional a gandeiros con vacas nutrices con ou sen dereitos.

Así mesmo, trala aplicación do "Chequeo médico", estableceronse as axudas específicas destinadas, entre outras razóns, a mellorar a calidade ou a comercialización dos produtos agrícolas, a compensar desvantaxes específicas que afecten a agricultores dos sectores de leite, gando vacún, e ovino e cabrún en zonas económicamente vulnerables ou sensibles desde o punto de vista ambiental.

A reforma da PAC do 2003 introduciu, a partir do ano 2005, un conxunto de obrigas para percibir as axudas que se denominan condicionalidade, e que están relacionadas con: as boas condicións agrarias e medioambientais, o medio ambiente, a saúde pública, a zoosanidade e fitosanidade e o benestar dos animais. Ademais introducíu a modulación das axudas, o que significa que en cada campaña se reducirá a cada agricultor unha porcentaxe do importe total das súas axudas, para destinar eses recursos a medidas de desenvolvemento rural.

Na campaña 2010 coa reforma denominada "Cheque médico" por aplicación do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, de 19 de xaneiro de 2009, polo que establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa aos agricultores no marco da política agraria común e se instauran determinados réximes de axuda,incorpóranse ao réxime de pagamento único, no relativo aá Comunidade Autónoma de Galicia, a axuda por cultivos herbáceos, a prima base e complementaria de ovino cabrún que aínda non estaban integradas no mesmo. Por outra banda establécense axudas específicas en determinados sectores produtivos, en aplicación do artigo 68 do dito Regulamento.

Na campaña 2012, o Real decreto 1680/2009 establece as bases para a integración no réxime do pagamento único dos sectores que se desligan totalmente en 2012 en España e que, no caso de Galicia, son a prima ás proteaxinosas e a prima por sacrificio de ganado vacún. Por outra banda, nesta campaña desaparecen as “axudas adicionais” do artigo 69 do Regulamento (CE) nº 73/2009 do Consello, de 29 de setembro e créanse novas “axudas específicas”.

Así mesmo o Decreto 46/2012, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, e do Fondo Galego de Garantía Agraria determina a xestión a través deste último organismo das axudas ao desenvolvemento rural para a utilización sustentable das terras agrarias

A inclusión nunha soa Solicitude Unificada de varias axudas directas da PAC baseadas na superficie agrícola da explotación e nos censos de gando, unificando tamén o período de solicitude, facilita a tramitación para os agricultores.

O marco legal das axudas directas da PAC en Galicia está constituído pola normativa autonómica, a normativa estatal e a normativa comunitaria.

Ligazóns de interese:

MAPA-FEGA-Axudas directas


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS