Medio Rural
  • Nova
 


A Xunta continúa intensificando as inspeccións e a coordinación contra o furtivismo na ría do Burgo e contra a comercialización ilegal de peixe e marisco

  • O responsable de Gardacostas lembrou que o ano pasado na Ría do Burgo se desmantelaron 3 redes que se dedicaban á extracción e venda ilegal de marisco con 7 persoas detidas e imputadas    
  • A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro explicou que o seu departamento traballa na elaboración dun novo modelo de convenio e sistema de traballo que garantan a vixilancia de xeito máis eficiente e racional e que beneficie ao sector

Santiago, 04/04/2012

A Xunta continúa intensificando as inspeccións contra o furtivismo na ría do Burgo. Así o especificou o subdirector de Gardacostas, Lino Sexto, no Parlamento en resposta a preguntas orais. O responsable de Gardacostas incidiu en que a administración está dando “un paso importante non só para erradicación de furtivismo, senón tamén para erradicar as vías ilegais de comercialización de marisco”.

Neste sentido, Lino Sexto lembrou que o ano pasado na Ría do Burgo se desmantelaron 3 redes que se dedicaban á extracción e venda ilegal de marisco con 7 persoas detidas e imputadas. O responsable de Gardacostas sinalou que para avanzar na loita contra esta lacra no Burgo a Xunta traballa de xeito coordinado cos corpos e forzas de seguridade do Estado e cos concellos da zona. Tamén se mantén contacto directo coa confraría.

En canto á instalación dunha base permanente de Gardacostas nesta ría, Lino Sexto, sinalou que a Consellería do Medio Rural e do Mar dispón dunha base en Oza, “que está a unha milla escasa do Burgo e que en cinco minutos os medios de Gardacostas chegan á zona”. De ahí, segundo dixo, que non se contemple a súa instalación.

Convenios Conservación e Xestión
En relación aos convenios de conservación e xestión asinados entre a Consellería do Medio Rural e do Mar e as confrarías, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, explicou na Comisión 8ª que se asinarán, pero que o seu departamento traballa na elaboración dun novo modelo de convenio e sistema de traballo que garantan a vixilancia de xeito máis eficiente e racional e que beneficie ao sector.

No que atinxe aos pagamentos realizados ás confrarías por estes convenios, a directora xeral, informou que de media a Consellería efectuou o 85%. Por provincias, na Coruña, a Consellería aboou algo máis do 90% dos pagamentos de conservación e o 85% dos de xestión. En Lugo as porcentaxes son de 73% en conservación e 85% en xestión, un pouco máis baixos, segundo indicou a directora, debido a que hai facturas de xustificación que aínda están a chegar agora. En Pontevedra, efectuouse preto do 84% dos pagamentos de conservación e case un 87% dos de xestión.

 



© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal    Atendémolo/a
RSS