Medio Rural
  • Nova
 


O Servizo de Gardacostas comisa preto de 450 quilos de diversas especies en 3 establecementos do sur da Ría de Arousa

  • A Xunta lembra que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde e pide ao consumidor que non compre produto fóra dos cauces legais

Santiago, 04/06/2012

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Policía Autonómica, comisaron 446 quilos de diversas especies en 3 labores de inspección desenvolvidos esta mañá no acceso a 3 establecementos do sur da Ría de Arousa.

Nas actuacións os axentes fixéronse con 206 quilos de ameixa babosa que non acadaba a talla regulamentaria. Tamén requisaron 230 quilos de cangrexo atlántico e 10 quilos de choco por carecer de documentación que amparase a súa legalidade.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, o departamento que dirixe Rosa Quintana pide ao consumidor que non compre produto fóra dos cauces legais de comercialización.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS