Medio Rural
  • Nova
 


Rosa Quintana: “A Xunta defende a celebración dos curros porque son unha tradición galega que hai que preservar e promocionar”

  • As rapas son perfectamente compatibles coa normativa vixente que establece a obrigatoriedade de identificar as reses
  • A normativa actual pretende afrontar os problemas que representa a existencia de cabalos nos montes, tanto no que atinxe á seguridade viaria como aos danos nos cultivos

Santiago, 24/06/2012

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asistiu esta mañá á celebración da Rapa das Bestas de Mondoñedo, celebrada no Campo do Oso, onde manifestou que a Xunta defende a celebración dos curros xa que forman parte da tradición de Galicia. Acompañada polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, Rosa Quintana reiterou a obriga que ten o Goberno galego de executar a política comunitaria sobre identificación animal pero “nunca prohibimos a celebración dos curros”.

Con esta mensaxe, a titular de Medio Rural e Mar quixo deixar claro que a celebración dos curros é independente do cumprimento da normativa sobre identificación animal. A decisión de facelos ou non corresponde unicamente aos seus organizadores.

Compatibilidade
As rapas son perfectamente compatibles coa obriga de identificar as reses. A identificación dos cabalos de monte mediante microchip responde a un regulamento establecido pola normativa comunitaria. O Regulamento (CE) 504/2008 da Comisión, do 6 de xuño de 2008, establece no seu artigo 11 a obriga de identificación dos équidos cun transpondedor (microchip). En España, a lexislación ordena ademais que a aplicación deste dispositivo corra a cargo dun veterinario.

Con esta medida preténdese afrontar os problemas que representa a existencia de gando equino sen identificar nos montes, tanto no que atinxe á seguridade viaria como aos danos nos cultivos. De aí a necesidade de identificar os animais, e coa lei na man non abonda coas “marcas tradicionais” que defenden algúns propietarios. A normativa esixe o uso de microchip cando se trata de animais de máis de 12 meses de idade.

En todo caso, a Xunta, para axudar ao cumprimento desta lexislación, sendo consciente do custe da identificación para os propietarios dos animais, estableceu axudas anuais que cobren unha altísima porcentaxe do mesmo -o primeiro ano cubría o 90%, sendo este ano do 60%-.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS