Medio Rural
  • Nova
 


Os Gardacostas requisan 75 quilos de ameixa e máis de 30 artes de pesca nun operativo contra o furtivismo na Ría do Burgo

  • Os axentes do servizo dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar identificaron a 7 persoas mentres extraían marisco de xeito ilegal

Santiago, 26/06/2012
Marisco e aparellos requisados
Marisco e aparellos requisados

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coa Policía Autonómica e coa Garda Civil de Oleiros, requisaron 75 quilos de ameixa babosa e 31 aparellos de pesca nun labor de inspección desenvolvido esta madrugada na Ría do Burgo.

Na actuación os axentes, ademais de requisar o marisco, fixéronse con 8 pranchas de porexpan, 6 raños, 3 traxes de neopreno, 2 chaquetas e 2 pantalóns de neopreno, 4 lanternas frontais, 2 arnés, 1 saco de rede e 3 capachos. No operativo os Gardacostas identificaron a 7 persoas que estaban exercendo a actividade furtiva.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, o departamento que dirixe Rosa Quintana pide ao consumidor que non compre produto fóra dos cauces legais de comercialización.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS