A Consellería de Medio Rural e do Mar convocou as axudas para agricultores membros de agrupacións de defensa fitosanitaria (ADF) co obxectivo de promover programas técnicos de tratamentos integrados en agricultura. A Consellería destina a estas axudas un orzamento de 159.513 € .
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de axudas que teñen como obxectivo promover prácticas agrícolas que minimicen o impacto no medio ambiente, incidindo nunha das etapas da complexa cadea que, dende o campo, leva os produtos en óptimas condicións de consumo á mesa, como é a produción agrícola.
As principais novidades desta convocatoria son que se prima ás agrupacións de nova creación e que se introduce a posibilidade da presentación telemática das solicitudes á busca da simplificación das actuacións administrativas. Ademais elúdese o requisito da presentación dalgúns documentos por medio da “declaración responsable” do propio agricultor. Por último, introdúcese a obrigatoriedade da mención, na resolución de aprobación, da suxeición ao Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, de 20 de decembro de 2007, no relativo ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DUOE L 337, do 21 de decembro de 2007).
Cabe destacar que no último ano beneficiáronse destas axudas 344 agricultores dos sectores vitícola, principalmente, frutícola e hortícola, repartidos entre 16 ADFs, cada unha co seu técnico, cunha distribución aproximada da subvención entre provincias do 47 % a Pontevedra, o 28,5 % a Ourense, o 19 % á Coruña e o 6,5 % a Lugo.
Agrupacións de defensa fitosanitaria
As agrupacións de defensa fitosanitaria ás que se destinan estas axudas dedícanse a desenvolver programas técnicos de tratamentos integrados en agricultura para a defensa fitosanitaria é o control fitopatolóxico dos cultivos agrícolas. Realízano aplicando técnicas de protección integrada para a limitación natural dos organismos nocivos para os cultivos agrícolas. Cada ADF conta cun servizo técnico, dirixido por un Enxeñeiro T. Agrícola ou un Enxeñeiro Agrónomo, convenientemente preparado para o asesoramento e organización do propio control fitopatolóxico
As técnicas de proteción integrada comprenden un conxunto de métodos que integran as exixencias económicas, ecolóxicas e toxicolóxicas precisas para o control dos organismos nocivos aos cultivos agrícolas, dando carácter prioritario ás accións que fomenten a limitación natural dos inimigos dos cultivos e respectando os niveis económicos de danos na produción.
Así, a proteción integrada en agricultura combina medidas biolóxicas, biotecnolóxicas, químicas, de cultivo e de selección de vexetais, de modo que o emprego de produtos fitosanitarios químicos se limite ao mínimo.

