Medio Rural
  • Nova
 


Medio Rural e Mar entrega os títulos da concentración parcelaria da zona de San Fiz de Estacas, no concello de Cuntis

  • Esta entrega supón a reorganización da propiedade de 254 hectáreas pertencentes a 472 propietarios
  • En total, nesta parcelaria investíronse preto de 1.100.000 euros para a execución de toda a concentración parcelaria
  • Coa finalización da concentración parcelaria de San Fiz de Estacas, o concello de Cuntis pasa a contar con 6 zonas xa rematadas, o que implica que algo máis da terceira parte do concello está concentrado

Santiago, 29/06/2012
O director xeral de Desenvolvemento Rural na entrega de títulos
O director xeral de Desenvolvemento Rural na entrega de títulos

O director xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e do Mar, Antonio Crespo, acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, fixo entrega esta mañá en Cuntis dos títulos de concentración parcelaria da zona de San Fiz de Estacas. Esta entrega supón a reorganización da propiedade de 254 hectáreas pertencentes a 472 propietarios o que permite mellorar e modernizar as explotacións agrícolas, crear e mellorar as vías de comunicación e de acceso a novas fincas, axudar a prever os incendios forestais e aumentar o valor da base territorial.

Coa entrega destes títulos culmínase o proceso de concentración parcelaria nesta zona, reducindo as 3.019 parcelas existentes inicialmente a tan só 942 fincas. O orzamento investido dende o inicio deste proceso é de 1.095.550,57 euros, dos que a maior parte corresponde á execución das obras da rede de camiños e ao acondicionamento das fincas.

O director xeral destacou que coa finalización da concentración parcelaria de San Fiz de Estacas, o Concello de Cuntis pasa a contar con 6 zonas xa rematadas, o que implica que algo máis da terceira parte do concello está concentrado.

Ademais, Antonio Crespo lembrou a existencia doutros procesos de concentración en curso nas zonas de Piñeiro-Estacas-Cuntis sector II, na que se prevé entregar os títulos de propiedade este ano, e as concentracións de Troáns sectores I e II, que “contribuirán a mellorar as infraestruturas e a elevar o nivel económico da zona “.

Outras actuacións en Cuntis
A Consellería do Medio Rural e do Mar ten executadas outras actuacións en Cuntis, entre elas a mellora da infraestrutura viaria en diferentes zonas do concello, o camiño dende a Estrada PO- 220 ao núcleo de Magán, a rede de camiños da concentración parcelaria de Troáns sector I e a rede de camiños de Troáns sector II primeira fase dos camiños principais.

A inversión total destas actuacións nos distintos plans de infraestruturas ascende a máis de 3,6 millóns de euros.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS