Medio Rural
  • Nova
 


Rosa Quintana: “A Xunta non cesará no seu empeño de levar as propostas galegas e das outras comunidades autónomas ao Consello de Ministros de Pesca da UE”

  • A conselleira do Medio Rural e do Mar compareceu esta mañá no Pleno da Cámara
  • A Consellería do Medio Rural e do Mar xa lle trasladou á Comunidade de Navarra a vontade de asumir a representación das comunidades españolas ante Europa neste semestre decisivo
  • A conselleira indicou que se estableceron contactos para intercambiar opinións entre os representantes da Comisión de Pesca das Cámaras representativas galega e europea
  • A finais de ano a Comisión Europea definirá en Galicia unha proposta de orientación sobre o ámbito acuícola
  • Os acordos acadados no último Consello de Ministros de Pesca supoñen un avance en aspectos como a consecución do Rendemento Máximo Sostible, a supresión dos descartes, os ITQs e a rexionalización

Santiago, 03/07/2012

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé esta mañá no Parlamento en que “a Xunta non cesará no seu empeño de levar as propostas galegas e as do resto das comunidades autónomas españolas ao seo do Consello de Ministros de Pesca da UE”, o foro codecisor no procedemento de reforma da Política Común de Pesca. Neste sentido, Rosa Quintana xa lle trasladou á Comunidade de Navarra “o apoio e vontade de asumir a representación das comunidades neste semestre decisivo” ao tempo que se lle solicitou ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente tratar este ofrecemento no vindeiro Consello Consultivo para Asuntos Comunitarios.

A titular de Medio Rural e Mar explicou os próximos pasos deste traballo da achega de Galicia á futura folla de ruta da pesca europea e lembrou que “xa están en marcha os contactos para que exista un intercambio de opinións entre os representantes da Comisión de Pesca das Cámaras representativas galega e europea”. Ademais, engadiu, a Comisión Europea pechará en Galicia a rolda de debate e definirá unha proposta de orientación sobre o ámbito acuícola. Será na conferencia que acollerá a nosa comunidade a finais de ano e “que permitirá afianzar a boa perspectiva que para este eido se propón na reforma” sentenciou a conselleira.

Ademais da importancia que supón para Galicia a representación das comunidades españolas ante Europa en materia de pesca, Rosa Quintana sinalou que o importante é facelo “cunha postura unitaria de sector e administración”. Por iso, dixo, o venres trasladarase ao Consello Galego de Pesca “o texto base co que elaborar o ditame que recollerá a nosa postura”.

Valoración dos acordos parciais
A conselleira tamén relatou no parlamento todos os pasos dados por Galicia de cara a nova PCP e expuxo a valoración dos acordos acadados no último Consello de Ministros de Pesca, no que a futura PCP “tomaba un rumbo máis definido nos seus contidos e orientacións, especialmente naqueles aspectos máis relevantes para a frota galega e a súa actividade comercial”.

En relación a aspectos como o Rendemento Máximo Sostible, a conselleira, sinalou que se recolle a demanda de Galicia que reflicte que se deberá acadar en 2015 cando sexa posible definindo como data límite o 2020. Tamén no que se refire aos descartes, xa que o acordo acadado propón minoralos de xeito gradual e de facelo pesquería por pesquería. Incluso se abre a porta para que a Comisión poida estudar novos mecanismos de flexibilización.

En canto á rexionalización, Rosa Quintana sinalou que o acordo “tamén é substancialmente positivo” porque se promove que os Estados Membros teñan máis poder e unha influencia decisiva na adopción de medidas nas súas áreas. Ademais tamén foi obxecto de debate os Dereitos Transferibles de Pesca –ITQs-, no que se acadou crear un sistema de dereitos transferibles voluntario que vai na liña do que Galicia demanda e que deixa a porta aberta a cada Estado Membro para a súa instauración.

No ámbito dos mercados e en relación ao regulamento da Organización Común dos Mercados, a conselleira incidiu en que se recollen as principais demandas de Galicia, xa que destaca a importancia dun tratamento homoxéneo para todos os produtos da pesca e da acuicultura comercializados na UE. Outra das demandas da comunidade galega apoiadas no Consello de Ministros, é a importancia de contar cunha diferenciación dos produtos. Neste aspecto déixase a posibilidade aberta de promover unha normativa para o ecoetiquetado.

Outra das cuestións fundamentais nas que se avanzou foi na diferenciación da pesca costeira artesanal, xa que se recollen boa parte das propostas de Galicia, indicou a titular de Medio Rural e de Mar. Ademais por primeira vez introdúcense os informes socioeconómicos ao mesmo nivel que os científicos nos estudos de impacto sobre as especies.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS