Medio Rural
  • Nova
 


Rosa Quintana reitera a importancia de controlar os custos de produción de cara a mellorar a rendibilidade dos gandeiros

  • A Xunta destinou nos últimos anos 100 millóns de euros a axudas de modernización das explotacións leiteiras e 10 millóns a achegas para redución de custos mediante estratexias de aforro e eficiencia enerxética

Santiago, 03/07/2012

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, reiterou a importancia de controlar os custos de produción de cara a mellorar a rendibiidade dos gandeiros. Fíxoo durante o acto de clausura da xornada técnica “Plan Star Leche 2012”, celebrado hoxe no centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, en Boqueixón.

A conselleira na súa intervención destacou que a Xunta destinou nos últimos anos 100 millóns de euros a axudas de modernización das explotacións leiteiras, enmarcadas no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Rosa Quintana tamén lembrou que o seu departamento investiu 10 millóns de euros en axudas á redución de custos mediante estratexias de aforro e eficiencia enerxética nas granxas de leite. Neste sentido dixo que “estas achegas amosan a implicación firme do Goberno Autonómico de cara a mellorar o futuro e a rendibilidade das explotacións e permiten incrementar a súa competitividade”.

A titular de Medio Rural e Mar resaltou a importancia das explotacións leiteiras galegas pola súa relevancia económica, social e ambiental. Así, salientou que este tipo de encontros serven para aportar ao sector leiteiro novas propostas de innovación co fin de mellorar a rendibilidade das súas granxas.

Cara ao final do seu relatorio, Rosa Quintana fixo fincapé en que “o futuro do sector leiteiro pasa por reducir custos e incrementar o valor engadido a través da diversificación e a innovación”. Neste sentido a conselleira dixo que a reforma da Política Agraria Común debe supoñer unha oportunidade neste eido xa que “Galicia defende da man do sector que o noso agrosistema se vexa reflectido nos regulamentos”.

Estudo de aforro e eficiencia enerxética
Durante o transcurso da xornada expuxéronse, tamén, os resultados do Estudo Sectorial de Aforro e Eficiencia Enerxética en Explotacións de Leite, elaborado pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega co obxectivo de reducir seus custos de funcionamento do sector incrementando a súa competitividade. O documento amosa posibilidades de aforro enerxético de ata un 35% nas gandeirías en caso de aplicarse as medidas indicadas, o que suporía un aforro económico de máis dun 50%.

Así, e tendo en conta que as explotacións presentan un consumo enerxético medio de 150.000 kWh/ano, o que supón un custo medio aproximado de 11.500 euros por exercicio, o aforro económico anual ascendería ata o 54%, e dicir máis da metade da súa factura enerxética. Trasladando estes números ás preto de 12.700 gandeirías que suma Galicia, poderíanse aforrar 16 millóns de euros ao ano aplicando medidas de aforro e eficiencia enerxética.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS