O director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural e do Mar, José Álvarez Robledo, asistiu hoxe á celebración da Rapa das Bestas de Sabucedo -no municipio pontevedrés da Estrada- onde destacou o valor cultural, patrimonial e turístico que teñen os curros en Galicia, cuxa celebración forma parte dunha tradición moi arraigada na nosa Comunidade.
Álvarez Robledo deixou claro coa súa presenza nesta festa, declarada de Interese Turístico Internacional, que a celebración dos curros é independente do cumprimento da normativa sobre identificación animal, e que a decisión de facelos ou non corresponde unicamente aos seus organizadores. Exemplo disto foi a celebración do curro de Mondoñedo (Lugo) o pasado mes de xuño, ao cal asistiu tamén a conselleira do Medio Rural e do Mar.
Deste xeito, a Xunta reitera que o Goberno galego ten a obriga de executar a política comunitaria sobre identificación animal, pero que en ningún caso se pretende prohibir con este feito a celebración dos curros. Precisamente con esta medida o que se pretende é afrontar os problemas que representa a existencia de gando equino sen identificar nos montes, tanto no que atinxe á seguridade viaria como aos danos nos cultivos.
Compatibilidade
A identificación dos cabalos de monte mediante microchip responde a un regulamento establecido pola normativa comunitaria -Regulamento (CE) 504/2008 da Comisión, do 6 de xuño de 2008- que obriga a identificar os équidos cun transpondedor (microchip). En España, a lexislación ordena ademais que a aplicación deste dispositivo corra a cargo dun veterinario. En calquera caso, as rapas son perfectamente compatibles coa obriga de identificar as reses, xa que se trata de prácticas propias do manexo do gando.
A Xunta, consciente do custe da identificación para os propietarios dos animais, estableceu axudas anuais que cobren unha altísima porcentaxe do mesmo -a primeira convocatoria cubría o 90%, sendo este ano do 60%-.

