A Consellería do Medio Rural e do Mar informa de que permanece activo pero estabilizado o lume forestal rexistrado o pasado venres no municipio ourensán do Barco de Valdeorras. Así mesmo, quedou controlado o de Navia de Suarna e extinguido o de San Xoán de Río.
ACTIVOS
• Provincia de Ourense
O lume rexistrado no concello do Barco de Valdeorras, parroquia de Santigoso, permanece activo tras comezar ás 13:00 horas do venres, 10 de agosto. Aínda que non se pode dar tecnicamente por controlado, a evolución da extinción é moi favorable, xa que o lume está estabilizado.
Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada está entorno ás 1.200 hectáreas. Esta superficie será actualizada cando se teñan novos datos e darase con exactitude cando estea xeorreferenciada. Nos traballos de control deste incendio participan 3 técnicos, 18 axentes forestais, 72 brigadas, 1 Grumir, 30 motobombas, 6 palas, 13 helicópteros, 16 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencia (UME).
Cómpre lembrar que neste lume continúa decretado o Nivel 1 como medida preventiva. Ao longo destes días houbo que desaloxar aos veciños das aldeas de Raxoá e Millarouso (no concello do Barco de Valdeorras) e de Veiga de Cascallá, O Barrio de Cascallá e do lugar de Vilar de Xeos-Quereño (todos no municipio de Rubiá).
CONTROLADOS
• Provincia de Lugo
O incendio forestal rexistrado onte pola tarde ás 18:20 horas no concello de Navia de Suarna, parroquia de Mosteiro, quedou controlado ás 12:17 horas deste mediodía. Segundo novas estimacións provisionais, a superficie está entorno ás 40 hectáreas. No lugar están despregados 1 técnico, 7 axentes forestais, 18 brigadas, 4 motobombas, 3 helicópteros e 4 avións. Onte tamén participaron no control medios do Principado de Asturias e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
EXTINGUIDOS
• Provincia de Ourense
O incendio rexistrado no concello ourensán de San Xoán de Río, parroquia de Cabanas, que comezou ás 15:40 horas da tarde do venres quedou extinguido ás 12:00 horas deste mediodía. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 75 hectáreas, das cales 15 son arboradas e 60 de superficie rasa. Nos labores de extinción traballaron 2 axentes forestais, 8 brigadas, 1 Grumir, 4 motobombas, 1 helicóptero e 8 avións.

