A Consellería do Medio Rural e do Mar informa de que o lume forestal rexistrado o pasado venres 10 de agosto no municipio ourensán do Barco de Valdeorras xa está controlado. Permanece tamén controlado o incendio que comezou no concello lugués de Navia de Suarna.
CONTROLADOS
• Provincia de Ourense
O lume rexistrado este venres 10 de agosto no concello do Barco de Valdeorras, parroquia de Santigoso, quedou controlado ás 15:15 horas desta tarde. Segundo as últimas estimacións dos técnicos que traballan no dispositivo tras dalo por controlado, a superficie afectada provisional está entorno ás 1.500 hectáreas. Esta superficie será actualizada cando se realicen novas medicións e darase con exactitude cando estea xeorreferenciada.
Nos traballos de control deste incendio participaron 3 técnicos, 25 axentes forestais, 95 brigadas, 1 Grumir, 40 motobombas, 6 palas, 13 helicópteros, 16 avións e efectivos da Unidade Militar de Emerxencia (UME).
Cómpre lembrar que o Nivel 1 foi desactivado pasadas as 15:00 horas deste mediodía ao comprobar que xa non existía perigo para os núcleos de poboación.
• Provincia de Lugo
O incendio forestal rexistrado onte pola tarde ás 18:20 horas no concello de Navia de Suarna, parroquia de Mosteiro, quedou controlado ás 12:17 horas deste mediodía. Segundo últimas estimacións provisionais, a superficie está entorno ás 50 hectáreas. No lugar están despregados 1 técnico, 8 axentes forestais, 23 brigadas, 4 motobombas, 3 helicópteros e 4 avións. Onte tamén participaron no control medios do Principado de Asturias e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

