Medio Rural
  • Nova
 


A Xunta destina 3,3 millóns de euros á vixilancia e xestión das confrarías de Galicia

  • A Consellería do Medio Rural e do Mar priorizou, a través de dous acordos diferentes, a aquelas entidades que se comprometeron a mancomunar servizos

Santiago, 18/08/2012

A Consellería do Medio Rural e do Mar asinou dous convenios coas confrarías galegas, un deles para controlar o acceso ás zonas de pesca e outro para a xestión das zonas de produción, por un importe de máis de 3,3 millóns de euros.

Os convenios para o control de acceso ás zonas de pesca teñen como finalidade a conservación, protección e sustentabilidade dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies. Ademais, para dar cumprimento ao convenio, os asociados ás confrarías deberán coidar, controlar e facer un seguimento dos bancos marisqueiros establecendo as condicións de acceso ás zonas de pesca. O departamento que dirixe Rosa Quintana investiu 2.246.309 euros nestes convenios.

Por outra banda, os acordos para a xestión de zonas de produción teñen como obxecto realizar actividades que permitan a implantación de técnicas de semicultivo, elaboración de proxectos de rexeneración de zonas de produción e facer un seguimento dos bancos. Neste sentido, o acordo contempla a realización de mostraxes de poboacións dos principais bancos marisqueiros, a elaboración e seguimento dos plans de xestión, a recollida e envío ao Intecmar das mostras que amosan o estado das augas e a elaboración e seguimento dos proxectos de rexeneración de zonas improdutivas. A Consellería investiu para elo 1.102.380 euros.

A Consellería do Medio Rural e do Mar priorizou a aquelas entidades que se comprometeron a mancomunar os acordos de vixilancia e asistencia técnica no libre marisqueo, co fin de optimizar os recursos e deste xeito mellorar o seu funcionamento. A vixencia dos convenios é de 12 meses.

 

Recursos



© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS