Medio Rural
  • Nova
 


A Consellería do Medio Rural e do Mar inicia a ampliación da rampla de descarga en Porto de Meloxo

  • Portos de Galicia realizará unha serie de melloras que beneficiarán ao sector bateeiro da zona e facilitaranlles o seu traballo diario
  • A Consellería fixo un estudo de alternativas para ampliar o dique de abrigo de Porto de Meloxo e consensuará co sector a máis axeitada

O Grove (Pontevedra), 11/05/2012

A Consellería do Medio Rural e do Mar iniciou hoxe a ampliación da rampla de descarga en Porto Meloxo, no Grove. A conselleira, Rosa Quintana, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, achegáronse hoxe ata a zona para presenciar o comezo destas obras que beneficiarán ao sector mexilloeiro, e que contan cun orzamento de 207.000 euros.

Os traballos consistirán na ampliación da primeira rampla de descarga, a máis próxima ao dique de abrigo, en 25 metros de lonxitude e 12 metros de anchura. Ademais, Portos de Galicia, modificará a pendente lonxitudinal da rampla, que pasará do 9,40% de pendente a ao 5,30% para facilitar a descarga do mexillón, mellorando así as condicións de traballo so sector profesional. Por último, executarase unha dragaxe para eliminar fangos e solos e mellorar o calado ata conseguir os 4,65 metros.

A conselleira subliñou “o importante esforzo” levado a cabo pola Xunta neste contexto de crise económico “para dar resposta coa maior celeridade a unha demanda dos bateeiros e dar pulo ao porto do Meloxo”. “O noso obxectivo é contribuír en todo o posible á mellora das condicións de traballo dos bateeiros que operan neste porto”, sinalou, ao tempo que destacou a importancia da actividade mexilloeira para esta vila.

O porto de Meloxo abriga a preto de 150 embarcacións con base nestas instalacións, dedicadas á extracción e transporte do mexillón. Estas embarcacións operan nunhas 300 bateas pertencentes á asociación de bateeiros Amegrove.

A mellora e modernización do desenvolvemento das actividades portuarias relacionadas co sector pesqueiro, marisqueiro e de acuicultura, é un dos obxectivos do ente público Portos de Galicia. Este tipo de actuacións van encamiñadas ao incremento da calidade e do valor engadido dos produtos, tanto de mercadorías como da pesca, do fomento da acuicultura e a mellora das actividades pesqueiras, neste caso dun sector tan importante nesa zona como é o mexilloeiro.

Ampliación do dique de abrigo
Na súa visita, a conselleira anunciou que Portos de Galicia fixo un estudo de alternativas de ampliación do dique de abrigo “para facilitar a implantación de novos pantaláns para o atraque da flota mexilloeira”. De aquí ata final de ano, Portos consensuará co sector a mellor alternativa e será entón cando o ente público redacte o proxecto correspondente.

 



© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS