Medio Rural
  • Nova
 


A Consellería de Medio Rural e do Mar reúne ao sector para analizar a situación do berberecho afectado por un parasito

  • A presenza da Marteilia foi detectada nalgúns bancos do fondo da Ría de Arousa
  • Este patóxeno microscópico que pode afectar a algúns moluscos como o berberecho resulta totalmente inocuo para o ser humano

Santiago, 14/06/2012

A Consellería do Medio Rural e do Mar mantivo unha xuntanza cos representantes das confrarías da Ría de Arousa que producen berberecho para analizar conxuntamente a situación deste molusco na zona, tras detectarse a presenza do patóxeno denominado Marteilia nos controis patolóxicos realizados polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

A Marteilia é un protozoo que parasita aos moluscos bivalvos, aloxándose no seu aparato dixestivo e contribuindo ao seu debilitamento, pero que resulta absolutamente inocuo para o ser humano. Este patóxeno microscópico é obxecto dun estrito control –exercido polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR)- dende 1995 e é amplamente estudado no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

Durante a xuntanza, a Consellería do Medio Rural e do Mar informou ao sector de que o Intecmar está a redobrar as mostraxes e procesos analíticos no berberecho ante a posibilidade de que a presenza da Marteilia poida estar detrás dos episodios de mortandade deste molusco rexistrados ultimamente nos areais de Carril e Rianxo. O obxecto deste incremento nas analíticas é determinar o alcance desta incidencia e que a situación poida ser avaliada.

Ata o de agora en Galicia, este protozoo non se tiña detectado no berberecho e hai constancia da súa presenza en ostra e mexillón dende os anos setenta, aínda que se mantén en porcentaxes e intensidades baixas e non existen referencias da súa implicación en ningún episodio de mortalidade elevada nas nosas costas.


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS