Nova

Compartir

A Xunta salienta a súa aposta pola promoción e a recuperación do territorio para poñer en valor o sector vitivinícola galego

1 de 2
2 de 2

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, participou na inauguración da 61º edición da Feira do Viño do Ribeiro

Gómez salientou a importancia de producir viños de “excelente calidade” que poñen en valor as variedades autóctonas que tanto caracterizan á nosa comunidade

Neste sentido, resaltou o compromiso do Goberno autonómico por “motivar o despegue das comarcas vitivinícolas” cunha “clara aposta que empeza pola recuperación de zonas históricas de viñedo”

Ribadavia (Ourense), 3 de maio de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, e polo alcalde de Ribadavia, César Fernández, participou esta tarde na inauguración da 61º edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará ao longo desta fin de semana nesta localidade ourensá.  

Durante o acto, no que tamén estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a conselleira agradeceu ter sido invitada e asegurou que estrearse no Ribeiro “é toda unha honra”, xa que esta denominación de orixe é a máis antiga de Galicia e unha das máis lonxevas de España. De seguido, recoñeceu o labor desenvolvido polo Concello, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e os viticultores e produtores, por facer posible este acto, que leva 61 edicións ás súas costas.

Así, a conselleira salientou a importancia de producir viños de “excelente calidade” que poñen en valor as variedades autóctonas que tanto caracterizan á nosa comunidade. Neste sentido, resaltou o compromiso do Goberno autonómico por “motivar o despegue das comarcas vitivinícolas” cunha “clara aposta que empeza pola recuperación de zonas históricas de viñedo”.

María José Gómez mencionou os instrumentos de mobilización recollidos na Lei de recuperación da terra agraria, que permiten desenvolver polígonos para viñedo nas diferentes denominacións de orixe. Seguindo esta liña, resaltou o “importante compromiso” que se está a manter no Ribeiro a través dos diferentes polígonos agroforestais que se porán en funcionamento no curso deste 2024. Estas figuras permitirán recuperar ladeiras históricas nos concellos ourensáns de Carballiño, Boborás, Cenlle, A Arnoia ou Leiro.

Xunto coas reestruturacións parcelarias, estes instrumentos de recuperación permitiron mobilizar 35.000 hectáreas en toda a comunidade dende o ano 2020, moitas delas destinadas á plantación e cultivo de vide. Nun contexto coma este, María José Gómez vinculou a xestión da terra coa produción de calidade.

Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas

A titular do Medio Rural expuxo o “compromiso múltiple” para favorecer o futuro deste sector plasmado na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, destinada a consolidar a nosa comunidade como un referente internacional de viños de calidade e principal destino enoturístico.

Trátase dunha aposta que se fai a través da promoción, co fin de motivar o consumo dos produtos galegos, e de protección, para poder garantir a digna subsistencia dos sectores primario e vitivinícola. Con esta planificación procúrase tamén lograr unha marxe de beneficio para todos os produtores, unha tarefa na que, tal e como sinalou a conselleira, entra a acción dos consellos reguladores. Neste sentido, destaca tamén a Lei da calidade alimentaria, que incide na acción dos consellos como panca facilitadora do éxito das denominacións de orixe dos viños galegos.

Para finalizar a súa intervención, María José Gómez lembrou o Plan de promoción dos produtos alimentarios de Galicia, dotado con 9,5 millóns de euros para impulsar a promoción das producións de calidade, incluídas os viños. Estas iniciativas “converxen para converter ao viño no elemento central para a dinamización do territorio das comarcas vitivinícolas”, co fin de xerar valor engadido en todos os elos da cadea de valor e garantir a remuda xeracional.

Imaxes relacionadas