Sanidade Forestal

Compartir
Rede Galega de Seguimento de Danos

Debido ao grande interese que ten a sanidade para os montes e para toda a sociedade galega, e en cumprimento do artigo 118.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal mantén actualizado un sistema de seguimento do estado fitosanitario das masas forestais galegas.

Trátase da Rede Galega de Seguimento de Danos, integrada na rede estatal e europea, ofrece unha análise detallada do estado sanitario das masas forestais a traveso de 257 parcelas distribuídas por todo o territorio que dispoñen dunha notable representación de especies para determinar a detección, evolución, estado de enfermidades e pragas, dun xeito localizado e periódico no tempo, con criterios técnicos que permiten testar e controlar os exemplares mostreados.

Estas parcelas son escollidas de maneira sistemática (malla de 8×8 quilómetros) e avaliadas ano tras ano, quedando sinalizadas, de xeito permanente, as árbores obxecto de seguimento.

A información recollida nesta rede de información dispón de datos capturados dende o ano 2006 até o ano 2021. Neste enlace poderase consultar e descargar a información.

No documento figuran 2 follas:

  • Unha denominada "REDE_FICHAS_AXENTES" na que se amosan os datos de cada ficha, os da parcela e os axentes que figuran na ficha. Tamén se repiten os datos da parcela e da ficha, cambiando só os datos relacionados cos axentes.
  • Outra denominada "REDE_ARBORES_MOSTRA" na que se mostran os datos recollidos das árbores mostra cada vez que se cubre unha ficha. Hai unha fila por cada axente, polo que se repiten o código de parcela, o código de ficha e os datos da árbore, cambiando só os datos relacionados cos axentes.

Doutra banda, axúntase o protocolo de recollida de datos coas táboas de codificación que permitirán entender e procesar a información.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, pretende que todas aquelas persoas interesadas nesta información, en particular centros universitarios e de investigación, poidan dispor dunha información valiosa e histórica que permita xerar estudos e informes necesarios e útiles para o sector forestal de Galicia.

Para calquera dúbida ou información, poñerse en contacto con forestal.mediorural@xunta.gal

Os plans de continxencia de sanidade vexetal atenden, ademais, ás posibles pragas que lle afectan, con carácter puntual, a determinadas especies ou zonas co obxectivo de mitigar as súas consecuencias.

Entre estes plans destacan, pola súa importancia, os tratamentos que leva a cabo a consellería para combater dúas afeccións graves dos castiñeiros de Galicia: a avespa Dryocosmus kuriphilus e a enfermidade do cancro (Cryphonectria parasitica).

No que respecta á avespa do castiñeiro, en 2015 comezou un programa experimental de loita biolóxica por medio de soltas, en milleiros de puntos de toda Galicia, de Torymus sinensis,  un inimigo natural e específico da avespa do castiñeiro que pon os seus ovos no interior das bugallas.

En relación ao cancro, en 2003 a Xunta de Galicia, en colaboración coa Deputación de Pontevedra a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, desenvolveu traballos de investigación de loita biolóxica baseados na busca de fungos menos virulentos (cepas hipovirulentas) que puidesen rebaixar a virulencia das cepas atacantes (hipervirulentas). A continuación desenvolveuse un programa de control biolóxico mediante a elaboración en laboratorio dos inóculos hipovirulentos das cepas detectadas en Galicia e a súa posterior aplicación no campo. No ano 2011 comezáronse a facer inoculacións, sendo os resultados obtidos moi satisfactorios. O número total de castiñeiros tratados en toda Galicia supera xa os 100.000 exemplares”.

Ademais, na Estación Fitopatolóxica de Areeiro desenvólvense métodos de loita contra pragas e enfermidades de especies e masas forestais con tecnoloxías avanzadas e persoal cualificado, co fin de poder estudar novos procedementos de determinación e de tratamentos eficientes, grazas a un convenio asinado coa Consellería do Medio Rural. Realízase, entre outros, un programa de control biolóxico do chancro de castiñeiro (Chyphonectria parasitica) mediante a aplicación de cepas hipovirulentas detectadas en Galicia e está en proceso de elaboración un programa de loita biolóxica contra as principais pragas de insectos que atacan o froito do castiñeiro, mediante a identificación de especies de nematodos entomopatóxenos (NEPs), coa obtención de cepas adaptadas ás condicións galegas e coa realización de ensaios no campo e no laboratorio para corroborar a súa eficacia contra estas pragas.

No ámbito divulgativo especializado, organízanse as Xornadas de Arboricultura, nas que se analizan factores ambientais, se expoñen investigacións relacionadas coa sanidade forestal e se procede á identificación e diagnóstico de fungos xilófagos que lle afectan ás diversas especies arbóreas, entre outros.

Asemade, a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, xunto coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), veñen de desenvolver a Rede de avisos fitosanitarios en materia de sanidade forestal, situada na Oficina Virtual do Medio Rural.

Nesta rede os usuarios poden atopar información de carácter xeral, como os plans de actuacións contra enfermidades e pragas forestais, recomendacións de actuacións de loita integrada, artigos científicos de interese, resumos finais de cada unha das campañas de tratamentos, informes anuais da rede galega de detección e seguimento das pragas, enfermidades e calquera outra información que resulte de interese en temas de saúde e vitalidade do monte. Doutra banda, na Rede pódese facer a subscrición a un boletín de avisos de sanidade forestal. Deste xeito, os usuarios recibirán avisos electrónicos coas novidades que se produzan en materia de sanidade forestal.
 

Rede de avisos fitosanitarios en materia de sanidade forestal

  1. Información xeral
     

    Díptico Cryphonectria parasítica - "A loita biolóxica contra o cancro do castiñeiro"

    Díptico Dryocosmus kuriphilus - "A loita biolóxica contra a avespa do castiñeiro"
     

  2. Planes da loita integrada
     

    Solicitude tratamento experimental cancro 2022

    Plan de Actuacións de Loita contra as bandas nos piñeiros no ano 2021

    Plan de actuacións de control do Dryocosmus kuriphilus. Ano 2021.

    Plan de actuación para o control do cancro do castiñeiro en 2022
     

  3. Avisos e notificacións