Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF)

Compartir

O ámbito territorial obxecto dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais (PORF) debe ser comarcal. A normativa autonómica establece que a Administración forestal elaborará os PORF como instrumentos de planificación forestal, que afectarán preferentemente a cada distrito forestal como territorios de condicións xeográficas, socioeconómicas, ecolóxicas, culturais ou paisaxísticas homoxéneas, de forma que serán aplicables no ámbito territorial dos 19 Distritos Forestais articulados en Galicia.

Os PORF teñen carácter indicativo respecto a calquera outras actuacións, plans ou programas sectoriais. O seu contido coordinarase cos correspondentes plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito. Ademais, sobre o contido mínimo dos PORF, a lexislación autonómica de montes establece que deberán incluír:

  • A delimitación do ámbito territorial e a caracterización do medio físico e biolóxico.
  • As características socioeconómicas da zona, como aspectos demográficos, dispoñibilidade de man de obra especializada, taxas de paro, actividades agrosilvopastorís e industrias forestais, incluídas as dedicadas ao aproveitamento enerxético da biomasa forestal.
  • A descrición e análise dos montes e os seus recursos, posibilidades de produción forestal e demanda da industria forestal. Tamén analizará a paisaxe existente nese territorio, os seus usos e aproveitamentos actuais, en particular os usos tradicionais, así como as figuras de protección existentes, incluíndo as vías pecuarias.
  • Os aspectos xurídico-administrativos da propiedade forestal, tales como titularidades, montes catalogados, proxectos de ordenación e instrumentos de ordenación e xestión vixentes, montes veciñais en man común, mancomunidades e agrupacións de propietarios.
  • O establecemento de referentes de boas prácticas e modelos silvícolas orientativos para a xestión e aproveitamento dos montes, baseado na análise das especies existentes e as súas quendas de curta, e garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e se manteña a capacidade produtiva dos montes.
  • A zonificación por usos e vocación do territorio, establecendo para cada zona os obxectivos, compatibilidades e prioridades, e sinalando os ámbitos de solo rústico con valor forestal para os efectos da súa categorización como de especial protección forestal nos instrumentos urbanísticos e de ordenación do territorio.
  • A planificación das accións necesarias para o cumprimento dos obxectivos fixados no plan.
  • Os criterios básicos para o control, seguimento e avaliación, e os prazos para a revisión do plan.