A Consellería do Medio Rural ten establecida unha Rede de epidemiovilixancia sanitaria na que interveñen distintos sectores, coa finalidade da detección e actuación precoces en situacións de alerta sanitaria animal.
Dentro desta rede de epidemiovixilancia, a consellería dispón dun Plan de continxencia sanitaria no que se recolle a dotación de material, persoal e económica, necesaria no caso de aparición dunha alerta sanitaria. Así, establece a estrutura das unidades que o integran, as funcións específicas de cada unidade, os sistemas de coordinación e fluxo de información, cadro de decisións, material e recursos dispoñibles e outros aspectos como a loxística e as actuacións concretas de intervención.
A rede de epidemiovixilancia está formada polos seguintes axentes:
- Os Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería do Medio Rural e outro persoal veterinario adscrito.
- A rede de laboratorios oficiais da Consellería do Medio Rural: Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga) en Lugo, Laboratorio de Sanidade Animal de Mabegondo na Coruña e o Laboratorio de Sanidade Animal de Cabanas-Salcedo en Pontevedra.
- Persoal técnico veterinario das Agrupacións de Defensa Sanitaria Ganadera galegas
- A Consellería de Sanidade e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coas súas unidades de interese nos ámbitos das zoonoses, epizootías ou seguridade alimentaria das especies domésticas e silvestres, respectivamente.
- Persoal técnico de empresas integradoras ou comercializadoras dos sectores gandeiros
- Panel de expertos da Facultade de Veterinaria de Lugo ou doutras entidades galegas ou nacionais
- Así mesmo, o persoal clínico veterinario que desenvolve o seu traballo nas explotacións gandeiras, ten un papel relevante na vixilancia pasiva das enfermidades que puideran aparecer nos animais